Tuesday 07 de May de 2024

Frades acollerá dous cursos gratuítos de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras e manexo de maquinaria agrícola


Organizados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, terán lugar na primeira quincena do mes de novembro

Frades acollerá na primeira quincena de novembro dous cursos gratuítos de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras e no manexo de maquinaria agrícola, ambos organizados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar e co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Os cursos están dirixidos a persoas traballadoras, maiores de idade e ocupadas ou desempregadas no sector agrogandeiro, que deberán descargar o formulario de inscrición da páxina web do Concello de Frades (www.concellodefrades.es) e envialo cuberto a través do mail: desenvolvementorural.issga@xunta.es ou no fax 986 787 224.

Explotacións agrogandeiras

O curso de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras terá lugar do 9 ao 13 de novembro, cunha duración total de 22 horas. Durante ese tempo, un total de 20 alumnos/as coñecerán a Lei de Prevención de Riscos Laborais, aprenderán os riscos aos que se enfrontan diariamente no seu traballo e as medidas que poden tomar para evitalos. De feito, recibirán dúas horas de formación en primeiros auxilios e primeira intervención no caso de accidente.

O curso de prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria agrícola centrarase no manexo práctico do tractor e os seus apeiros. Impartirase en Frades do 16 ao 20 de novembro, cunha duración de 22 horas e 15 prazas dispoñibles. Ademais de coñecer conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, o alumnado aprenderá medidas de protección e prevención que deben adoptar no manexo de apeiros, medidas de seguridade viaria no manexo de tractores por estradas e camiños agrícolas e asistirán a unha práctica de campo de 12 horas sobre operacións previas ao uso da maquinaria, repostaxe, estacionamento, circulación e enganche/desenganche de apeiros.